Quen somos

A rede de blogues Mallando xurdiu logo dalgo máis dun ano da posta en marcha de Mallando na e-ira, un blogue nado da curiosidade de tres amigos, que tras anos de preguntar e resolver dúbidas os uns aos outros decidimos crear un blogue para poder compartir os coñecementos e resolver dúbidas ou curiosidades do público en xeral.

Os temas máis variados (Lingüística, Construción, Telecomunicacións) teñen cabida no blogue, que se complementan con espazos específicos para Android, temas de construción, citas e operadoras.

Luís P. Castelo
Blogue: Deleznabilidades.
Twitter: @deleznable.
Bio: Nacín en Culleredo en decembro de 1987, coincidindo coa evacuación masiva do Casón, a Primeira Intifada e o centenario da invención do esperanto. Estudei a Licenciatura en Filoloxía Inglesa e o Mestrado en Formación de Profesorado de Secundaria na Universidade da Coruña. Na actualidade estou traballando na miña tese de doutoramento en Filoloxía Inglesa,  que comecei en outubro de 2010.

Os meus ámbitos de estudo preferentes son a lingüística en xeral, especialmente a sintaxe; a historia da lingua inglesa e a evolución das linguas en xeral; e a lingüística de corpus. Apaixóame o ámbito das novas tecnoloxías aplicadas á linguaxe, e son un firme defensor da interdisciplinariedade e da necesidade da divulgación científica en todos os ámbitos.

Iago Varela
Blogue: Blogue de Iago Varela.
Twitter: @iagovarela.
Bio: Son un Enxeñeiro de Telecomunicación en potencia nado na primavera de 1986 e natural de Cabanas, unha pequena vila coruñesa.

Apaixóname todo o que ten a ver coa tecnoloxía e gadgets varios, sobre todo aquela máis vencellada ás comunicacións móbiles. Gustaría de ter capacidade para ser un early adopter e cacharrear en todo novo trebello que sae ao mercado e, inda que polo momento o tema está algo complicado, algo se vai facendo. Levo algún tempo cun Google Nexus One, o meu primeiro smartphone, que me convertiu en todo un Android fanboy. Utilizo Ubuntu agás en contadas e inevitábeis situacións.

Polo demais, gústame viaxar, pasear polo monte, os deportes de auga e aventura... podes saber algo máis de min acó.

Vítor Vázquez
Blogue: Vitor de Palas.
Twitter: @vitorpalas.
Bio: Nacín no 86 en Palas de Rei, son Arquitecto Técnico e Técnico superior en desenvolvemento e aplicación de proxectos de construción -delineante-. Non vou a ningún sitio sen o meu Samsung Galaxy SII, nin o meu iPod Shuffle 2G; tamén conto cun portátil e un sobremesa con Ubuntu instalado, evitando na medida do posible o uso de W*****s.

Interésame case calquera tema científico-tecnolóxico, e no que se podería considerar "o meu ámbito" son un apaixonado da xeometría e das estruturas que disfruta criticando os detalles construtivos empregados no MundoReal™. E ben, a partir de aquí leo, vou ao cine, xogo a baloncesto, ando na bici, corro, fago montunismo, etc.

Isaac Manteiga
Bio: Nacín no ano 1988 na Baña, concello da provincia da Coruña. Son Técnico superior en instalacións electrotécnicas e actualmente un proxecto de Enxeñeiro técnico industrial da rama eléctrica.

Sinto curiosidade por todo o que ven da man da ciencia e a tecnoloxía.

Como trebellos tecnolóxicos conto cun HTC Desire, co que tomei contacto co apaixonante mundo de Android, ademais dun portátil e un sobremesa.

Para rematar, ocupo o meu tempo libre entre o cine, a música e facer deporte entre outras cousas.



Agos Reigosa
Twitter: @Agos14
Bio: Nacín en Lugo en outubro de 1990, na actualidade estudo ADE na USC tras un paso fallido pola facultade de física. Son un apaixonado da tecnoloxía, a ciencia e o deporte, aprender sobre calquera destes aspectos é un dos motivantes que me leva a enredar en todo canto se me presenta.

Tras a adquisición do meu primeiro computador aprendín que Windows non era o único e adiqueime a coñecer cantos sistemas operativos e aparellos tivera ao alcance. Na actualidade compaxino este pasatempo co baloncesto, ao que me adico de maneira semi-profesional. Entre os meus gadgets favoritos encóntase un Galaxy S, un iPad ou unha GameBoy Pocket que segue traballando como o primeiro día.

Álex Alfaya
Twitter: @alex_nap
Bio: Nacido en Baiona nun día calquera de 1983, actualmente estudo Enxeñaría Industrial na Universidade de Vigo. Encántame todo o relacionado coa ciencia e a tecnoloxía e, se teño a oportunidade, non perdo a ocasión de cacharrear en calquer aparato que caia nas miñas mans.

Os meus gadgets habituais son un portátil con Windows e Ubuntu a partes iguais e un HTC Legend co que me iniciei no mundo Android e que serviu, por outra banda, para aumentar a miña Googledependencia.

En contadas ocasións intento cacharrear algo coa plataforma de hardware libre arduino.

Fernando Real
Twitter: @susurrame_oido
Bio: Estudante de Enxeñaría de Telecomunicación nado en maio do 87 nunha pequena vila preto de Lugo.

Interésame a actualidade tecnolóxica e non perdo a oportunidade de "cacharrear" e investigar con todo aparello electrónico que teño ao meu alcance, ás veces escarallando todo (as menos! xD)

Apaixonado da seguridade informática e das radiocomunicacións gusto de calquera plataforma Linux, especialmente Ubuntu, aínda que tamén emprego Windows. Usuario entusiasta dunha BlackBerry Curve 8900 'Javelin' espero en breve posuír tamén un terminal Android. Baloncesto, xadrez, boxeo, viaxar e a música son algúns dos meus pasatempos.

Xandro García
Twitter: @mar_abaixo
Bio: Nacín en Malpica no 82, son biólogo mariño (USC) e actualmente traballo na Estación de Bioloxía Mariña da Graña (Ferrol), onde tamén estou a facer a miña tese.

Apaixóname todo o que ten que ver co mar. Son mergullador recreativo, e intento pasar máis tempo no mar que en terra. Aínda que estou a facer a tese sobre cumáceos (Peracarida, Crustacea) de augas profundas estou moi interesado na ecoloxía e a taxonomía dos invertebrados de augas costeiras.

Penso que a divulgación é a materia pendente da investigación, e que internet pode axudar a eliminar esa eiva. Gústanme os trebellos tecnolóxicos porque nos facilitan a vida, pero trato de usalos de xeito consciente.Fernando Real.


Colaboradores puntuais

Diego Figueira
Iago Gómez
Luz Varela
Manuel García
Sebastián Barbeito

Se ti tamén queres colaborar

Ponte en contacto connosco