28/01/2012

5 servizos para compartir arquivos de gran tamaño

Malia as acusacións de piratería e outras cuestión que se lle achacan aos donos de Megaupload, cómpre lembrar que este era un servizo moi útil para cando tiñamos que enviar grandes ficheiros a alguén, neses momentos nos que o límite de arquivos adxuntos do correo electrónico queda moi escaso.

Por iso hoxe queremos compartir convosco 5 propostas de servizos gratuítos para enviar grandes arquivos. Ollo, non falamos de servizos de almacenaxe tipo Dropbox (para iso xa comentamos outras alternativas: I, II e III).

Comezamos falando das opcións que ofrecen menos ás que máis.

TransferThisFile

Esta é unha opción moi limitada en canto ao tamaño máximo dos arquivos que se poden enviar (100 MB) e o tempo de validez da descarga (5 días), aínda que dispón doutros puntos fortes que fan que sexa un servizo interesante. Por exemplo, permite arrastrar e soltar para non ter que andar seleccionando os arquivos (ou cartafoles). 

Debemos tamén introducir o enderezo da persoa á que lle queremos enviar o arquivo e recibirá a mesnsaxe como un correo. Só con rexistrarnos (gratuitamente) poderemos engadir algunha opción extra e interesante, como protexer os arquivos con contrasinais. Se ademais escollemos un plan de pagamento, poderemos enviar arquivos maiores e sen caducidades dos mesmos.


SendThisFile

SendThisFile permite que enviemos arquivos de até 2 GB, pero cuxas ligazóns caducan aos 3 días. Ademais só se permiten 3 descargas por cada arquivo.

O punto forte deste servizo atópase na versión de pagamento, que permite enviar arquivos de tamaño ilimitado e con máis días de descarga dispoñíbeis.


DropSend


DropSend é un servizo que permite cargar de xeito gratuíto arquivos de até 2 GB, aínda que con limitacións: só poderemos enviar deste xeito un máximo de 5 arquivos ao mes e cada un poderase descargar un máximo de 10 veces.

As versións de pagamento deste servizo non aumentan o tamaño dos arquivos que podemos enviar, pero si o número de arquivos que podemos subir e as veces que este se pode baixar.


We Transfer

O punto forte de We transfer é a simplicidade: ofrece a posibilidade de enviar 2 GB, gratis, sen rexistros e cos arquvos dispoñíbeis durante dúas semanas.

Ao cargar os arquivos debemos especificar o noso enderezo e o de envío e poderemos personalizar unha mensaxe para o destinatario.


File Dropper

File Dropper permite enviar arquivos de até 5 GB sen rexistros nin nada. Bastará con que seleccionemos o arquivo que queremos cargar e, unha vez subido, poderemos compartir a ligazón ao mesmo ou obter un código de inserción para poñer na nosa páxina web ou blogue.

Os arquivos permanecerán nos servidores de File Dropper durante un tempo indefinido agás que non haxa ningunha descarga en 30 días, momento no que se borrarán do servidor.

Se alguén precisa enviar arquivos maiores, dispoñen de plans de pago que permiten enviar arquivos de até 250 GB.

25/01/2012

O sistema político dos EEUU, I: O reparto do poder

O sistema político dos Estados Unidos de América é unha das primeiras mostras desenvolvidas da conformación dunha democracia liberal, pero a súa configuración específica está determinada por unha serie de particularidades.

Para tratar estas peculiaridades temos que retroceder até maio de 1787, cando comezaron en Philadelphia as deliberacións da convención constitucional que daría lugar á Constitución Federal de 1787.

Durante este proceso de redacción tiveron lugar importantes debates. Así, James Madison, defendía desde postulados do pensamento político ilustrado de Locke unha idea dun contrato social, cun goberno instituído polo pobo que respetase e garantise os dereitos inalienábeis. Porén, como os gobernos tenden a sobrepasar os seus límites, Madison propuxo un sistema de contrapesos, no que as tres funcións do goberno (lexislativa, executiva e xudicial) gozasen dunha grande separación e se controlasen mutuamente.

A este modelo contrapúxose outro, impulsado por Alexander Hamilton, que propuña un modelo máis parecido ao de Inglaterra, onde a monarquía e a aristocracia controlasen as "paixóns populares".

O modelo finalmente adoptado é similar ao proposto por Hamilton, cun poder lexislativo, o Congreso; un poder executivo encabezado polo presidente e un poder xudicial federal cuxa máxima instancia era o Tribunal Supremo.

Isto non acaba, en absoluto, coas particularidades. Para maximizar a separación entre poderes e potenciar a estabilidade ante as posibles "paixóns populares" das que falaba Hamilton, paixóns que poderían mudar todos os poderes nun corto período de tempo, a Constitución asignou diferentes mandatos aos distintos elementos electos:

Así, temos o calendario de eleccións aínda vixente hoxe en día nos Estados Unidos: Por unha banda, os membros da Cámara de Representantes son eleitos cada dous anos; os senadores, que ao comezo eran escollidos polas asembleas lexislativas dos estados, son escollidos por mandatos de seis anos, mais de forma que un tercio da cámara é renovado cada dous anos; o presidente é escollido por catro anos e os xuices federais son designados de forma vitalicia, ou até que se retiren ou sexan destituídos mediante impeachment.

Porén, a maior dificultade na redacción da Constitución foi a de decidir o formato de representación de cada estado. Presentáronse diferentes plans de cara a solucionar este problema: o Plan Virxinia, de Madison, defendía que cada estado debía estar representado pola súa poboación, o que daría unha posición de poder aos estados máis poboados e incomodaba aos estados máis pequenos. Pola outra banda, o Plan New Jersey, defendido polos estados máis pequenos, defendía que cada estado tivera un voto nun consello nacional. A solución foi o chamado "Compromiso de Connecticut", isto é, crear criterios distintos para as diferentes partes do goberno, habendo representación proporcional á poboación na Cámara de Representantes, e dous votos por estado no Senado, o que satisfacía a ambas partes ao ter que pasar as leis por ambas cámaras e estar conformadas as cámaras con cadanseu criterio.

Así temos a conformación do sistema político americano actual:
  • Cada dous anos escóllese a Cámara de Representantes, unha cámara de 435 asentos que representan cadansúa circunscripción, repartidas de forma proporcional á poboación.
  • Nesas mesmas eleccións escóllense tamén un tercio dos membros do Senado, por períodos de 6 anos (de forma que cada dous anos renóvase un tercio da súa composicións). O Senado é unha cámara onde cada estado está representado por dous senadores, independentemente da súa poboación.
  • Cada catro anos ten lugar a elección do Presidente da Unión. Falaremos destas eleccións proximamente.
  • Finalmente, os membros do Tribunal Supremo son propostos polo Presidente, confirmados polo Senado e serven de forma vitalicia ou até que se retiran ou son destituídos.

18/01/2012

Arquitectura bioclimática (por Carlos Rivera)

A arquitectura bioclimática é aquela na que o deseño se realiza tendo en consideración o entorno no que se vai ubicar a edificación, analizando os seus condicionantes climáticos, a orientación, os ventos ou a humidade entre outros factores, para aproveitar ao máximo as súas virtudes e aos que engadindo unha boa selección dos materiais permitirá executar unha edificación cun alto grao de confort interior e que trata de reducir o seu consumo enerxético á mínima expresión.

É un concepto aplicable a todos os estilos e elementos arquitectónicos, que sen deixar de lado requerimentos estéticos e funcionais posúe como puntos fortes o respecto co medio ambiente, a sensibilidade ao impacto que provoca sobre a natureza e a redución dos índices de contaminación ambiental.


Moitos dos principios nos que se basea este concepto existiron sempre e non é difícil atopar características da arquitectura bioclimática en edificacións pertencentes á arquitectura tradicional. Por poñer un exemplo, colocar árbores de folla caduca na fachada sur das edificacións, permite que chegue a esta a maior radiación solar posible no inverno, mentres que no verán a folla limita o paso da luz solar reducindo os seus efectos sobre a fachada.

Para acadar o confort ambiental do que falabamos anteriormente a través do aproveitamento das virtudes do entorno, as seguintes premisas básicas a ter en conta son:
  • Reducir tanto como sexa posible a demanda enerxética.
  • Control das perdas de enerxía, tratando de que sexan mínimas nos meses de inverno.
  • Acadar unha óptima calidade do ambiente interior mediante unhas condicións adecuadas de temperatura, humidade e movemento e calidade do aire.
  • Contribuír na medida do posible ao aforro no consumo de combustibles
  • Diminuír a emisión de gases contaminantes á atmosfera.
  • Ter en conta os efectos do edificio sobre o entorno: substancias que poida desprender, consumos que poidan influír no desenvolvemento sostible do lugar coma o consumo de auga ou outras materias primas por enriba da súa capacidade de renovación.
  • Harmonización e funcionalidade de espazos.

A foto anterior pertence á Shell House, gañadora de varios premios de arquitectura, do estudio Artechnic. En artechnic.jp, no apartado Residential, tedes multitude de fotos da edificación, tanto do exterior coma do interior.

14/01/2012

Dispositivos empregados para converter a enerxía mecánica en eléctrica

Os dispositivos máis ampliamente utilizados para converter a enerxía mecánica en eléctrica son os xeradores e as dinamos. Os xeradores xeran corrente eléctrica alterna e podemolos atopar en calquera central de producción de enerxía eléctrica. Ademais, poden ser de dous tipos: uns para xerar corrente alterna monofásica e outros para xerar corrente alterna trifásica. As dinamos serven para xerar corrente eléctrica continua e o claro exemplo é o que podemos atopar nas antigas lámpadas das bicicletas, que era alimentada por unha dinamo gracias ó movemento da roda.


Para que un xerador ou unha dinamo poidan producir corrente eléctrica é necesario axustalo a algún tipo de máquina mecánica que permita facer xirar o seu rotor, que é a parta que rota no xerador. Para esta labor necesitamos da labor das centrales de producción de enerxía eléctrica. A día de hoxe, as centrales máis usadas son as hidráulicas termoeléctricas e as nucleares. Nas plantas hidráulicas, as máquinas para mover os xeradores son as turbinas hidráulicas, nas centrales e nas centrales termoeléctricas e nucleares botamos man das turbinas de vapor. Nas centrais de xeración eléctrica de menor tamaño, pódense empregar, indistintamente, turbinas hidráulicas ou tamén de vapor, así como motores diesel, mentres que en equipos máis pequenos ou portátiles polo xeral utilízanse pequenos motores de gasolina para mover o xerador.


Independientemente dos xeradores, existen minerales ou cristais con características piezoeléctricas, que ó colocalas cara con cara e aplicárselles unha presión mecánica, como a que se produce ó dobralo, estiralo ou comprimilo xeran unha pequena tensión eléctrica, na que a magnitude é proporcional ó área da superficie das caras en contacto e á presión aplicada entre ambas caras. Existen dispositivos eléctricos que fan uso práctico desta propiedade, entre os que se atopan os micrófonos denominados de cerámica, así como as cápsulas ou unidade selada que se empregan en conxunto cos pratos dos tacadiscos. Estas cápsulas piezoeléctricas levan axustada unha agulla que ó pasar polo surco dos discos de vinilo, reproducen a música, voz e sons que se atopan gravados nos mesmos ó converter os seus movementos mecánicos en impulsos eléctricos.

10/01/2012

A importancia da biodiversidade

Que é a biodiversidade? pero sobre todo, para que serve? son preguntas que, polo xeito no que moitas veces é utilizado este termo, semellan non ter resposta ou ter unha resposta pouco concreta, aínda cando nolo ensinaron no colexio.

Diversidade biolóxica ou biodiversidade é o conxunto de todas as formas de vida que existen na Terra, así como todos os niveis de organización que comprende (desde o xenético ao de ecosistema). Para tratar de explicar a importancia da biodiversidade, ou o que é o mesmo, para que serve, imos ver varios supostos de ecosistemas e que ocorre cando sofren unha alteración. Imos supoñer, que a alteración é prexudicial para o ecosistema e que ten como única consecuencia a desaparición dunha soa especie.

Obviamente os ecosistemas están en constante cambio. O entorno e cada un dos seres vivos están a influír nos demais alterándoos, pero os seres humanos estamos a alterar máis ecosistemas que calquera outro ser vivo, e dun xeito máis intenso e a maior escala. Así, esta “catástrofe” podería ser unha vertedura de hidrocarburos que mata todas as algas dunha zona da ribeira, ou que unha estrada impide o paso migratorio dunha das especies de aves que habitualmente poboan unha lagoa, ou que a introdución dunha especie foránea remata por facer desaparecer do monte unha carqueixa, ou que o liño transxénico sementado nunha leira se instálase no monte lindante e ocupe o espazo do liño salvaxe facendo que desapareza, ou que...

En Ecoloxía (ciencia que estuda a relación dos seres vivos entre si e co seu entorno), úsanse diversos índices para cuantificar a diversidade. Todos estes índices relacionan o número de especies coa abundancia de cada especie. Un dos máis utilizados é o índice de Shannon-Wiener. Para simplificar, non imos utilizar fórmulas matemáticas e só consideraremos 5 especies que serán representadas por símbolos simples (“”, “■”, “”,“” e “×”). Só temos en conta os factores bióticos pero compre lembrar que os ecosistemas non só están formados polos seres vivos, senón tamén polos seres non-vivos que se atopan nun espazo determinado.

Supoñamos entón, que os “”son depredadores, e que os “■” e os “”son depredados polos “”. Á súavez os “■” e os “” depredan os “” e os “×”selectivamente, de xeito que “■” unicamente come “×”e “”só come “”. Estas relacións tróficas dan como resultado unha cadea trófica sinxela como a que se mostra no seguinte esquema.


No noso ecosistema ficticio as especies distribúense como se pode ver á esquerda da seguinte figura, estando formado por 5 especies e 65 individuos.

Poñamos por caso agora, que acontece unha “catástrofe” e a especie que desaparece é “×”.O seu depredador (“■”) perdería a súa única fonte de alimento e, polo tanto, tamén desaparecería. Como consecuencia desta“catástrofe” o ecosistema orixinal transformouse noutro diferente de só 3 especies e 35 individuos (parte dereita da figura anterior).

Despois dunha época de axuste, e supoñendo que todas as especies do mesmo rango trófico teñen a mesma capacidade de crecemento e depredación e que o depredador máis alto na cadea trófica (“”) teña a mesma preferencia polas súas presas, os “” medrarían ocupando o espazo deixado polos “×”, e os “” ocupando o espazo deixado polos “■”, ata acadar un número de individuos igual ao inicial (65).

No novo ecosistema “post-catastrófico”, a pesar de existir os mesmos niveis tróficos e o mesmo número de individuos hai menor diversidade segundo o índice de Shannon-Wiener. Se outra alteración negativa afectase a este novo ecosistema é moi probable que desaparecese. Sen dúbida, o ecosistema desaparecería se a segunda alteración ten as mesmas consecuencias que a primeira e desaparece a especie do nivel máis baixo da cadea trófica.

Aínda que podería parecer que maior número de especies implica maior diversidade non é certo. Imos pensar noutro ecosistema, co mesmo número de especies e individuos que o primeiro (5 especies e 65 individuos), pero coa distribución da seguinte imaxe á esquerda.

Obviamente este ecosistema é menosdiverso que o anterior. Fronte a unha “catástrofe” igual á do primeiro exemplo (desaparición dos “×”), este ecosistema sofre un impacto maior. As consecuencias desta catástrofe son un ecosistema “post-catastrófico” moito menos numeroso (5 veces menos) que no primeiro exemplo, aínda que co mesmo número de especies. Polo tanto este ecosistema aínda tendo igual número de especies e de individuos é máis vulnerable fronte a determinadas alteracións.

É certo que estes son uns exemplos moi simples e pouco complexos, e que a realidade nunca é tan simple. Nin os seres vivos reaccionan de xeito tan lineal, nin as alteracións teñen un único efecto, pero con estes simples exemplos, qued apatente que un ecosistema máis diverso é un ecosistema máis forte, máis robusto e menos vulnerable fronte a determinadas alteracións.

Hoxe por hoxe chegar a comprender exactamente as complexas relacións existentes entre todos os seres vivos que conforman un ecosistema é practicamente imposible debido á súa grande complexidade. Se nin tan sequera coñecemos que seres vivos poboan o noso planeta, como imos coñecer as relacións que existen entre eles? Sen embargo, si que sabemos que calquera das nosas accións cotiás causan alteracións sobre estas complexas relacións. Reducir ao mínimo este impacto é a nosa materia pendente.